Este martes comezan os Encontros con Profesionais TIC impulsados polo CPEIG e AMTEGA

luns, 19 de outubro do 2020 S. P.

Continúa a dar froitos unha colaboración que vén de antigo: a que manteñen o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Do traballo que as dúas entidades impulsan de xeito conxunto abrollou este mes de outubro unha importante novidade: a posta en marcha de Encontros con Profesionais TIC, unha serie de xornadas online entre rapaces e rapazas e profesionais das novas tecnoloxías. Abéirase ao marco do convenio de colaboración asinado entre ambas entidades e enmárcase na Axenda Dixital de Galicia 2020, para a realización de accións de difusión da Sociedade Dixital de Galicia.
O programa, sinalan o CPEIG e AMTEGA, desenvolverase nas vindeiras semanas coa celebración de 30 encontros en streaming entre un profesional TIC e un grupo de 12 rapaces e rapazas de 6 a 18 anos, que poderán interactuar co relator e con calquera dos asistentes. Ademais, seguindo este fío da comunicación segura e do distanciamento anti-COVID, o resto de persoas inscritas poderán seguir as charlas a través da canle do CPEIG en Youtube e no Facebook do colexio, aínda que só os rapaces participantes e os profesionais TIC poderán intercambiar impresións e dúbidas durante os encontros.
As temáticas dos encontros serán: axencias dixitais, publicidade en Internet, Internet das Cousas (IoT), coches autónomos, asistentes de voos, Cidades Intelixentes, deporte e tecnoloxía, empresa na nube, robótica, animación 3D ou videoxogos. Nelas participarán diferentes expertos, a maioría deles colexiados e colexiadas do CPEIG, creadores de personaxes 3D, deseñadores de videoxogos, experto en Intelixencia Artificial, o investigadores e enxeñeiros de software e hardware, especialistas en Industria 4.0., expertos en seguridade informática, peritos informáticos, xerentes de tendas de comercio ou directivos de empresas tecnolóxicas.
O primeiro encontro será este martes, 20 de outubro, ás 17.00 horas, entre o xefe de proxecto en Minsait, Diego Cid, e un grupo de doce nenos e nenas de ata 9 anos. O experto falará aos rapaces do proceso de desenvolvemento de software e os diferentes pasos e actores. Diego Cid conta con máis de 15 anos de experiencia en desenvolvemento de software en diferentes tecnoloxías e sectores. Actualmente está implicado en proxectos do sector das administracións públicas.
A continuación, ás 18.15 horas, dirixirá un encontro o presidente do CPEIG, do Consello Nacional de Colexios Profesionais en Enxeñaría Informática e director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez. Falará a rapaces de todas as idades sobre as cidades intelixentes.
As persoas interesadas poden inscribirse na web dos encontros e consultar máis información sobre a actividade na web do CPEIG.

PUBLICIDADE