Este mércores inaugúrase a primeira mostra virtual galega sobre videoxogos

martes, 8 de setembro do 2020 S. P.

Este 9 de setembro ás 18.00 horas inaugúrase en Vigo, no Museo MARCO, a exposición virtual A historia dos videoxogos en 360º. Creada pola Fundación Museo do Videoxogo de Galicia para a Fundación Carlos Casares, no marco das II Xornadas Videoxogo e Literatura, é, segundo indican estas dúas entidades, a primeira mostra virtual de videoxogos que se organiza na nosa terra. Nela explórase o medio século de historia que vai cumprindo sector do lecer interactivo.
O seu punto de orixe está na pegada imprimida polo lecer interactivo nas últimas décadas, unha breve pero intensa de historia de produtos tecnolóxicos que foron quen de chegar a millóns de persoas e exercer un impacto maiúsculo a nivel sociocultural. En palabras das ditas fundacións, “a historia do videoxogo é unha historia apaixonante que combina os ingredientes dos produtos tecnolóxicos máis avanzados coa creatividade e o empeño dos creadores, deseñadores e publicistas, nun camiño de humildes comezos pero con resultados sorprendentes nesta nova industria cultural”.
Na visita á exposición poderemos atopar deseños de consolas, o universo arcade, produtos móbiles, Realidade Virtual, mandos de control revolucionarios, videoxogos que marcaron épocas e os principais fitos no emerxente sector do videoxogo en Galicia.
A exposición está coordinada por Jacobo e Galo Martínez, da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI).
Visita presencial
A exposición, instalada no corredor e sala cubo do MARCO de Vigo, poderá ser visitada o mércores día 9 de setembro dende as 18:00 horas ata o peche do museo. Os asistentes terán acceso a “unha experiencia integral e interactiva”, explican os organizadores da mostra, engadindo que esta repetirase nas dúas visitas guiadas programadas para os días das xornadas, venres 11 e sábado 12 de setembro, “seguindo sempre as normas hixiénico-sanitarias en vigor”. Tamén responderán as preguntas e dúbidas das persoas que acudan a visitar a mostra.
Visita virtual
O mesmo día 9 tamén quedará aberto o acceso virtual público e de balde á exposición, na web das xornadas, na web do MUVI e en datas vindeiras na páxina do MARCO.

PUBLICIDADE