Este sábado celebrarase en Pontevedra o meirande torneo de Clash Royale de Galicia

mércores, 20 de decembro do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro sábado celebrarase en Pontevedra unha nova edición da Festa HQR!, celebración do deporte base local que desta volta incorpora como grande novidade o torneo máis grande de Galicia de Clash Royale, un dos xogos para dispositivos móbiles e tabletas máis populares.
Esta competición está organizada polo clan Estrela Galiza e Breogames Galicia e desenvolverase na Carpa HQR! do Centro Galego de Tecnificación Deportiva a partires das 17:00 horas, estando xa aberta a inscrición (de balde) buscando que participen no torneo 200 xogadores de toda a xeografía galega.
O torneo terá formato de 1 hora todos contra todos, pasando os 32 primeiros a formar as rondas eliminatorias (brackets) que xogaranse ao mellor de 3 cun baneo por parte do xogador perdedor. A final será ao mellor de 5 cun baneo por parte do xogador perdedor en cada partida.
Esta competición de eSports será presencial, pero poderá seguirse en directo a través da Internet, para o que contarán co caster Ferre33, quen narrará a través da súa canle de YouTube o que acontece no torneo que premiará aos 4 primeiros postos con 100, 50, 35 e 15 euros respectivamente, e unha camiseta conmemorativa para os 32 primeiros xogadores.

A retransmisión do torneo a través de YouTube correrá a cargo de Ferre33

PUBLICIDADE