Máis xogos para os subscritores de Amazon Prime

martes, 8 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Amazon está a celebrar o seu Prime Day ata o vindeiro venres e, como vén sendo habitual, Prime Gaming súmase á festa cunha nova selección de xogos que os membros de Prime poden descargar sen custo adicional e conservar para sempre.
Nesta edición de 2025, os usuarios poderán reclamar desde hoxe tres títulos destacados: Star Wars Jedi Knight: Dark Forces II (unha aventura clásica de acción ambientada no universo Star Wars), Amnesia: The Dark Descent (unha proposta de terror psicolóxico en primeira persoa) e Marvel’s Midnight Suns (un xogo de rol táctico protagonizado polos heroes máis escuros de Marvel). Ademais tamén é posible conseguir Football Manager 2024 sen custo adicional, aínda que só durante os días de celebración do Prime Day.
Durante estes días Amazon tamén está a ofertar os accesorios para gozar da súa plataforma de xogo en streaming, Luna, como o seu mando sen fíos, que actualmente pode adquirirse por 44,99 euros (o seu prezo ordinario é de 69,99 euros), estando tamén dispoñible en combinación con dispositivos Fire TV a prezos moi axustados.

Durante o Prime Day podemos mercar con desconto o mando de Luna solto ou en combinación con distintos dispositivos Fire TV