Estréanse os dominios .tel

mércores, 3 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Hoxe é a data oficial de lanzamento do novo dominio de Internet .tel, que destaca por non estar orientado a páxinas web senón a localizar ao seu propietario, de xeito que organismos, empresas e persoas poderían utilizalo como localización da súa información persoal coma números telefónicos, correos electrónicos, alcumes en plataformas de mensaxería instantánea ou identificadores en redes sociais (información que se podería manter ao día), aínda que este concepto tan atractivo non parece que vaia chegar moi lonxe, pois son moitas as iniciativas que compiten pola creación dunha identidade dixital, e non van precisamente polo pago anual de taxas para manter dominios de Internet.
Ata o 2 de febreiro se abre a primeira fase de rexistro dos .tel, na que as entidades e empresas interesadas deberán pagar 349 euros para protexer as súas marcas por un período de 3 anos, tralo que se abrirá un novo prazo que conservará o prezo pero non estará ligado a marcas e, finalmente, o 24 de marzo se abrirá totalmente este novo dominio de primeiro nivel para o rexistro libre, a prezos semellantes aos dos dominios de Internet actuais.
De aparecer hai uns anos poderiamos asegurar que o .tel achegaría toda unha revolución, pero despois do estrepitoso fracaso do .name, o .biz e o .info case podemos afirmar que se trata dun lanzamento especulativo máis, que forza ás empresas a desembolsar grandes cantidades de diñeiro para protexer todas as súas marcas.
As persoas interesadas en contar co seu .tel poden acudir a empresas coma Interdomain, do Grupo Telefónica, que xa aceptan solicitudes destes novos dominios.