Estréase a nova serie galega Punto Nemo

venres, 28 de marzo do 2025 Redacción

Hoxe tivo lugar a estrea oficial da serie Punto Nemo, a última produción de Ficción Producciones, que é unha boa mostra do momento de esplendor do audiovisual galego, e que xa podemos ver en Prime Video co dobraxe en español e subtítulos en galego. Ao acto de presentación da serie acudiron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, así como o equipo da produción, cos actores Maxi Iglesias e Felipe Pirazán.
A serie, rodada maioritariamente en escenarios galegos, conta con grande participación galega tanto na parte técnica como dentro do elenco principal, ademais de supoñer un retorno de preto de 5 millóns de euros e a contratación de 106 persoas durante a súa rodaxe.
Punto Nemo narra a expedición oceanográfica, formada por científicos e a Armada Española, no buque Pentonkontors para investigar a illa de plástico sita no Pacífico Sur. Durante a travesía, a tripulación é arrastrada ata unha illa descoñecida, habitada por militares rusos, que serán o obstáculo da expedición para chegar ao punto máis afastado dos habitados na Terra: o Punto Nemo.
A serie, producida por Ficción Producciones e Ukbar Filmes (coa colaboración da Xunta de Galicia, a RTP, a Deputación de Pontevedra e a TVG) e dirixida por Daniel Martín Saéz de Parayuelo (tamén creador), Denis Rovira e Daniel Benmayor, conta entre o seu reparto con Óscar Jaenada, Najwa Nimri, Alba Flores, Maxi Iglesias, Margarida Corceiro, Iván Marcos ou Miguel de Lira, entre outros.