Estréase en Lugo o proxecto de navegación segura Brújula

xoves, 16 de abril do 2009 Raquel Noya

Son moitos os nenos e nenas no noso país que a día de hoxe non teñen problema algún para empregar o seu propio ordenador e moito menos para acceder a Internet, onde teñen ao seu alcance gran cantidade de información e imaxes que poden resultar un perigo se non se ten tino e se vixía por onde navegan.
Se ben é certo que a Rede nos ofrece a tódolos internautas en xeral, e á infancia en particular, unha fonte de ferramentas inesgotable para a súa educación e comunicación cos demais, a miúdo (nunca nos cansaremos de repetilo) pode ser perxudicial o seu uso e non sempre os pais e nais, mestres e mestras e todas aquelas persoas responsables dalgunha maneira da súa seguridade poden evitar que exploren este mundo virtual ás súas anchas.
É por isto que, hoxe mesmo, tivo lugar en Lugo a inauguración oficial do último traballo de Agestic, o proxecto Brujula., que vai destinado a educar aos máis cativos e cativas da casa para unha navegación segura pola Rede.
Esta iniciativa, que se enmarca dentro dos Programas de difusión sobre utilización segura de Internet do Plan Avanza, consiste nun espazo escénico que recolle información sobre os riscos no uso de Internet e a súa prevención e actuación ante os mesmos, no que os participantes realizan unha visita guiada por un itinerario predefinido como un Xogo de rol, ameno e divertido, no que teñen un papel activo e participativo.
Partindo da expresión “navegar pola Rede”, comúnmente aceptada para definir o uso das distintas aplicacións en Internet, este espazo escénico representa unha “embarcación”, na que se atopan os seguintes compartimentos:

-Posto de mando.
Contén información sobre os riscos, a prevención e cómo actuar ante a información pouco fiable e falta, inapropiada e nociva, perigosa, inmoral e ilícita, así como ante a dispersión e a perda de tempo.
-Sala de comunicación.
Nesta sala, os visitantes aprender a actuar sobre os riscos relacionados coa comunicación interpersoal, tales como o correo electrónico, as redes sociais…
-Adegas.
Os nenos e nenas que se acheguen a esta sección, poden recadar información sobre a publicidade abusiva na Rede, as compras en liña, os roubos, a violación da propiedade intelectual e as consecuencias dos gastos telefónicos desorbitados, entre outras cuestións.
-Sala de máquinas.
Neste compartimento, aparecen as nocións sobre problemas de virus, espionaxe, publicidade subliminal, spam…
-Camarotes.
Por último, nos camarotes, os visitantes aprenden os riscos e a prevención de todo o que pode chegar a converterse nunha adición: compras, xogos, entornos sociais…

Os participantes, guiados por un “capitán” (monitor) irán percorrendo os distintos compartimentos, nos que se lles irá informando sobre as normas de uso e as pautas de conduta máis seguras para navegar por Internet.
Ao final do percorrido, cada participante recibirá cadanseu diploma acreditativo así como un “kit de navegación segura”, un manual de Internet fiable que se achega cun filtro de Rede.
As visitas terán lugar ata o vindeiro 1 de xuño en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e as cidades e vilas ás que se achegará a “nave” aparecen ao detalle na web do proxecto.