Estudan a posibilidade de alugar filmes dende o fogar simultaneamente á súa proxección nos cines

xoves, 10 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Sean Parker é unha figura moi recoñecida no emprendemento tecnolóxico por ser un dos fundadores de Napster e estar tamén detrás de Facebook nos seus inicios

A revista Variety está a dar conta dunha startup auspiciada por Sean Parker, co-fundador de Napster e primeiro presidente de Facebook, que quere facilitar a posibilidade de alugar filmes para velos no fogar cando aínda están a exhibirse nas salas cinematográficas, o que sería un servizo premium cuns prezos bastante elevados: Screening Room achegaría un receptor que custaría 150 dólares e cada película custaría 50 dólares, tendo o consumidor unha fiestra de 48 horas para a súa reprodución a partires do seu pagamento.
Para que a industria apoie este arriscado momento, Screening Room ofrecería aos exhibidores que se sumen ao seu proxecto unha importante comisión sobre as vendas (un 20 dólares por aluguer) ofrecendo tamén un par de billetes de cine de balde por cada aluguer realizado no servizo, de xeito que procurarían manter aos usuarios acudindo ás salas de cine. Os distribuidores dos filmes tamén levarían unha comisión (que podería ser dun 20%), de xeito que todos os integrantes da cadea de valor actual recibirían contraprestación por un servizo do que descoñécese se terá demanda dabondo coa estrutura de prezos proposta.
ata o momento hai poucos estudios e distribuidoras que recoñecesen o seu interese por este novo xeito de consumir cine, e incluso xa se sabe da oposición de Disney. Aínda que as fiestras de explotación dos filmes cada vez son máis reducidas, queda por ver se a industria aceptará a súa práctica eliminación, especialmente ante o risco de que as tecnoloxías de protección anti-copia non estean a altura e poidan facilitar a distribución descontrolada das producións audiovisuais cando están no comezo da súa explotación comercial, podendo así dinamitar o retorno do investimento.