Estudantes da UVigo crean un proxecto de videoxogo inspirado nunha novela de Pedro Feijoo

xoves, 30 de outubro do 2025 S. P.

Tomando como base un fragmento da novela, Ninguén contará a verdade, de Pedro Feijoo (Premio Xerais de Novela 2023), que narra a historia dunha xornalista que busca desentrañar un caso de corrupción política, o grupo de estudantes ComTecArt, da Facultade de Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, idearon un proxecto de aventura gráfica que mestura esa trama de corrupción con elementos de ciencia ficción e que este mércores 29 de outubro presentaron ao escritor vigués.
Estes estudantes estiveron a traballar ao longo dun cuadrimestre no deseño e desenvolvemento da primeira fase dun videoxogo, no marco da súa formación en diferentes materias. Partindo dun fragmento desta novela.
O grupo de once estudantes dos graos en Comunicación Audiovisual e Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación idearon unha proposta de xogo que converte esta trama de corrupción e investigación xornalística “nunha historia sobre insectos xigantes”, coa que propoñen unha “metáfora da corrupción e avaricia”, como explicaron esta xornada. Tomando como punto de partida un fragmento da nova ambientado na redacción dun xornal, idearon un xogo no que a protagonista do libro “tería que facer unha investigación por todos os pisos do edificio”, na que remataría descubrindo a presenza duns “insectos que están infectando ás persoas e converténdoas á súa causa”, de tal xeito que segundo “avanza a corrupción” vanse convertendo en “insectos humanoides”.
Esta foi a proposta que coñecía nesta xornada Pedro Feijoo, quen recoñecía sentirse “moi ilusionado” con este proxecto do grupo de innovación docente ComTecArt. “Non me pode facer máis ilusión, a verdade, porque sempre escribo coa vontade de comunicar, de chegar a alguén no outro lado, de que se estableza un diálogo e que neste caso sirva para que se inventen un videoxogo paréceme xa pechar o círculo”, salientaba este músico e escritor, quen se recoñeceu “asombrado” coa idea que lle trasladou o alumnado. “
Encamiñado a achegar o alumnado aos procesos de traballo na industria do videoxogo, trátase da novena edición dunha iniciativa promovida polos docentes Beatriz Legerén, Antonio Pena, Enrique Costa e Luis Fernández, na que estudantes das dúas titulacións traballan conxuntamente no deseño dun videoxogo do que deberán presentar un primeiro nivel ou demo ao remate do cuadrimestre. A principal novidade desta edición será a integración da Intelixencia Artificial nesta demo, de tal xeito que esta permita ao xogador ou xogadora recorrer a un modelo de linguaxe masivo co propósito de obter información coa que seguir avanzando no xogo.
Esta proposta será desenvolvida por Adriana Pazos e Eva Deibe, alumnas da materia Programación de sistemas intelixentes, do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. “A nosa idea é que, cando un xogador estea atascado, poida preguntarlle a un chatbot”, explican dunha iniciativa que se incorpora a este proxecto “un pouco como experimento”, que levaría a trasladar á plataforma seleccionada información “do contexto do xogo e da situación do xogador”, co propósito de comprobar se podería darlle unha resposta que lle axudase a seguir avanzando no xogo.
Asemade, o alumnado de Comunicación Audiovisual deberá realizar unha proposta de deseño do xogo completo e o grupo en conxunto traballará en dous equipos para converter en realidade o seu primeiro nivel. Nesa idea de “simular como se traballa na industria do videoxogo”, as e os participantes divídense nesta edición nun equipo encargado do “deseño do xogo e da súa programación” e outro encargado “de toda a parte de documentación, apoio, deseño de personaxes...”, explica Legerén.