Europarl TV, nova canle de televisión en Internet do Parlamento Europeo

martes, 16 de setembro do 2008 Raquel Noya

O Parlamento Europeo vén de dar a coñecer a súa nova canle de televisión en Internet, Europarl TV, que estará dispoñible dende hoxe en 22 das 23 linguas oficiais da Unión Europea.
Segundo veñen de informar os seus responsables, esta canle nace coa intención de “achegar a actualidade dos Vintesete en tempo real” a calquera usuario do territorio que teña acceso á Rede e que teña especial interese por manterse informado sobre a intensa actividade que xera este organismo.
Aínda que esta nova televisión vai dirixida a tódolos cidadáns en xeral, o seu director, Michael Shackleton, explicou que as súas retransmisións serán especialmente útiles para os xornalistas que se reparten entre as sedes de Bruxelas e Estrasburgo do Parlamento Europeo xa que lles permitirá cubrir a actividade desta institución de xeito doado e completo.
Cun presuposto anual de nove millóns de euros e unha plantilla de 70 persoas, o PE agarda que a súa aceptación poida igualar á da súa páxina xeral www.europarl.europa.eu que, dende o seu lanzamento, cuadruplicou o seu número de visitantes diarios, pasando dos 15.000 iniciais aos 60.000 actuais.
Entre outros contidos, esta televisión en liña ofrecerá diversos materiais audiovisuais tales como retransmisións das sesións plenarias, entrevistas coas personalidades máis destacadas do panorama europeo ou a emisión dalgunhas comisións parlamentarias, que polo de agora non terán unha cobertura regular pero que o PE non o descarta para un futuro.

PUBLICIDADE