Eurovision Sport achegará de balde 43 mil horas de retransmisións deportivas ao ano

venres, 9 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

A Unión Europea de Radiodifusión non só se dedica á organización do Festival de Eurovisión, senón que tamén ten outras iniciativas entre as destaca estes días o lanzamento dunha nova plataforma de vídeo en streaming de acceso público para Europa: Eurovision Sport.
Eurovision Sport non só ofrece os seus contidos vía web, senón que tamén ten aplicacións móbiles para iOS e para Android, facilitando así o acceso a retransmisións deportivas en directo, destacados e repeticións. Está previsto que ao longo do ano estrea aplicación para televisores conectados e incluso chegue a integrar os seus contidos nalgunha canles de televisión por streaming con acceso de balde (grazas á publicidade).
Actualmente a súa oferta limítase a deportes acuáticos, atletismo, ximnasia, biatón, esquí e carreiras de vehículos eléctricos até un total de 14 deportes de 28 federacións internacionais de deporte, de xeito que permite seguir os Campionatos Acuáticos do Mundo que se celebra estes días en Doha e proximamente achegará os Campionatos Mundiais de Atletismo en Pista Cuberta que terán lugar a primeiros de marzo en Glasgow.
A intención de Eurovision Sport e ofrecer máis de 43.000 horas de retransmisións deportivas ao ano, atendendo a unha demanda deste tipo de contido a través dunha nova plataforma dixital que como vocación ten atraer a novas audiencias.