ExpOtaku será un paraíso para os amantes dos videoxogos durante a fin de semana

venres, 24 de maio do 2019 Marcus Fernández

O recinto feiral EXPOCoruña acolle dende hoxe e por décimo ano consecutivo o encontro ExpOtaku, centrado no mundo do manga, o anime, o cosplay e outras mostras culturais alternativas entre as que ten unha importancia moi especial o sector dos videoxogos, como podemos percibir tan pronto entramos nas instalacións e vemos a zona de xogo libre (na que destaca un espazo temático coas novidades para Nintendo Switch), así como equipos dedicados para a realización de numerosos torneos.
O mencionado espazo de Nintendo conta cun total de 150 metros cadrados nos que se reparten 30 postos de xogo que teñen como título de referencia Super Smash Bros. Ultimate, para que os visitantes poidan coñecer mellor este xogo e poder gozar intensamente do seu modo competitivo. Entre os xogos que Nintendo ten dispoñibles en ExpOtaku tamén están o curioso Octopath Traveler, o xogo de acción Fire Emblem Warriors, o magnífico The Legend of Zelda: Breath of the Wild e os inevitables Pokémon: Let’s Go Pikachu! e Pokémon: Let’s Go Eeve!. Os que queiran botar unha partida a algún xogo competitivo tamén poderán botar un ollo a Dragon Ball FighterZ, Splatoon 2 e Mario Kart 8 Deluxe. Da franquía de Mario tamén poderemos ver os seus grandes xogos para Nintendo Switch: Yoshi’s Crafted World, Super Mario Odyssey, Donkey Kong Country: Tropical Freeze e Super Mario Party.
Entre as actividades que terán lugar durante a fin de semana temos torneos de xogos para PlayStation 4, PlayStation 3, Xbox One, Super Nintendo, Nintendo Switch, Nintendo 3DS, PC e recreativas, competicións de Láser Tag, obradoiros de robótica reciclada e programación de Arduino para cosplay, un concurso de fotografía móbil e sesións co youtubeiro convidado ILuTV.

PUBLICIDADE