Expertos en identificación dixital chegan a Compostela da man do CPETIG
mércores, 8 de setembro do 2010
Co principal obxectivo de familiarizar á
cidadanía cos novos entornos de identificación usando certificados dixitais e
tarxetas criptográficas (para así mellorar a súa comunicación en liña con
entidades públicas e privadas), o CPETIG
vai levar a cabo, o vindeiro día 10 de setembro, un seminario de usos e
aplicacións destas ferramentas, que poderá ser seguido por videoconferencia
dende toda Galicia.
A xornada, que como apuntamos en días
pasados, terá lugar no Telecentro de Santiago de Compostela, con emisión por
videoconferencia aos telecentros de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, contará co
relatorio de Roberto Martínez, técnico de seguridade do INTECO-CERT e instrutor
de cursos de seguridade informática, que achegará os principais conceptos sobre
a sinatura electrónica, así como co de Natalia Miguel Álvarez, licenciada en
Enxeñaría Informática pola Universidade Autónoma de Barcelona e
experta en seguridade informática, que falará sobre os lectores de tarxetas
intelixentes, achegando información de utilidade sobre esta tecnoloxía.
Asemade, intervirá Víctor Alberto Salgado
Seguín, avogado-socio do Bufete de Dereito Informático Pintos&Salgado e
europrise legal expert da Comisión Europea, que achegará a súa experiencia no
eido da identificación en liña.
As
persoas asistentes nos distintos telecentros poderán participar no
seminario realizando preguntas ou comentarios aos relatores, e ao final do
seminario recibirán candasúas tarxetas con sistema de cifrado e identificación
dixital CERES+WG10 FNMT-RCM certificada pola Fábrica Nacional da Moeda e
Timbre.
O acto dará comezo a partir das 16:00
horas e está previsto que remate ás 20:00 horas.