Expertos reunidos polo CLAG coinciden en Santiago: a nube trae unha morea de posibilidades para o audiovisual

venres, 28 de marzo do 2014 Redacción

Este xoves celebrouse en Santiago unha interesante xornada sobre as cousas que pode facer a computación na nube para o noso tecido audiovisual. A sesión, na que participaron varios expertos en desenvolvemento e posta en marcha de solucións cloud, xirou arredor de vantaxes específicas destas solucións na produción de series, filmes ou videoxogos, como por exemplo a mellora de calidade do produto ou a obtención de importantes beneficios económicos. A xornada O Audiovisual na Nube veu da man do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) coa colaboración do CESGA. Nela participou, entre outros, a xefa do Servizo de Innovación e Novas Canles de CRTVG, Esther Medina, quen animou ás PEME a adaptarse ás novas realidades tecnolóxicas. Na súa opinión, a nube levará o audiovisual ao futuro e farao máis eficiente.
Na sesión tamén participou o director xeral do Grupo Arcade Inforhouse, Vidal Díaz, que falou de tendencias de delegar en axentes externos infraestruturas e servizos de tipo de tecnolóxicos. Ou sexa, confiar en quen está especializado neste tipo de servizos na procura da simplicidade e do rendemento no esencial do noso traballo. Vidal asegurou que arestora na nosa contorna só o 1% dos usuarios de xestión traballa con aplicacións de xestión na nube, mentres que máis do 50% dos usuarios de CRM son usuarios na nube. Para Vidal, entre as vantaxes de traballar con aplicacións cloud destacan a súa sinxeleza e a multiplicidade de dispositivos de acceso; entre os inconvenientes destas citou “a dependencia total dun terceiro, a confidencialidade da información e que se utiliza o formato web, que resulta menos áxil”. Porén, Vidal avogou por quitarlle ferro a estes procesos e apostar por eles.
Na xornada tamén participaron dous técnicos da empresa Arcade Inforhouse impartindo un obradoiro sobre a xestión da contorna de escritorios e móbiles, usando un servidor VMware Horizon, en emprazamento remoto, e realizaron un caso práctico con estacións de traballo remotas en PC e móbil.
Igualmente, a sesión contou coa presenza do administrador de sistemas do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Carlos Fernández, que explicou en que consisten as infraestruturas e os servizos para computación na nube que ofrece o seu centro, e salientou a importancia que ten a integración e aplicación das tecnoloxías de Internet nas empresas para acceder á nube.
Para rematar, David Vivas e Iván Tobares, CEO e responsable de sistemas da oficina de Unitecnic de Madrid, respectivamente, afondaron no estado actual de cousas da produción audiovisual que bota man das devanditas metodoloxías de computación. Para eles, o estado de cousas ideal deberá ser un escenario que ofreza as mesmas posibilidades có modelo tradicional “pero cos sistemas de xestión instalados nunha localización remota (nube)”. Entre as súas vantaxes subliñaron o aforro de custes, a alta conectividade con contornas de terceiras partes e colaboracións e intercambios de material máis efectivos.