F1 2019 está dispoñible dende hoxe na súa Legends Edition

martes, 25 de xuño do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro venres sae á venda o xogo oficial F1 2019, co que Codemasters achéganos ao mundo da Fórmula 1 dun xeito moi realista e detallado cun título dispoñible para PlayStation 4, Xbox One e PC, que conta cunha Legends Edition que non só permite competir como Ayrton Senna no seu McLaren MP4/5B de 1990 ou con Alain Prost co Ferrari F1-90 ao longo de 8 desafíos e que tamén concederán deseños exclusivos de Senna e Prost para o vehículo multixogador, senón que tamén ten como recompensa polos 10 euros adicionais do seu prezo a posibilidade de comezar a gozar do xogo dende hoxe mesmo.
Entre as novidades de F1 2019 temos a inclusión do campionato FIA Formula 2 Championship 2018, onde os xogadores poden competir xunto aos novatos da F1 (Lando Norris, George Russell e Alexander Albon).
A tempada F2 2019 engadirase como contido descargable ao longo do ano. Tamén permitirase a fichaxe de pilotos no Modo Carreira e que, na súa maioría, prodúcense ao final de cada tempada, permitíndonos asinar con estrelas como Lewis Hamilton ou Sebastian Vettel.
F1 2019 conta con 18 vehículos clásicos que conmemoran cada década dende os anos 1970 até 2010, podendo así revivir grandes momentos do pasado nos vehículos de mellor desempeño da súa xeración, como o Lotus 72D de 1972, o McLaren MP4/4 de 1988, o Williams FW18 de 1996 ou o Red Bull RB6 de 2010.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE