FEAGA presenta un proxecto para loitar contra a falta de acceso ás redes entre os autónomos galegos

mércores, 4 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Non existen igualdade de condicións no que se refire ó acceso ás novas tecnoloxías entre os profesionais autónomos galegos e os pertencentes ás empresas medianas ou grandes. De feito, menos da metade dos primeiros teñen contacto coa Rede nas mesmas circunstancias cós segundos. Esta é unha das moitas conclusións dun estudo recente do Instituto Nacional de Estatística (INE), do que se fixo eco a Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA) para sacar adiante un proxecto orientado a loitar pola igualdade de oportunidades de traballar en liña para tódolos profesionais.
O gran obxectivo desta iniciativa, chamada Autónomos On Line, é –como o seu propio nome indica- favorecer o achegamento da Rede ás empresas de menos de dez empregados e ós autónomos, eido no que hai de xeito xeralizado graos de implantación TIC moi inferiores ós obtidos nas empresas de máis de 10 empregados. Así, segundo o INE, só un 60% daquelas dispón de PC, fronte a un 97% no caso das corporacións de máis de 10 traballadores. Ademais, polo que respecta á conexión a Internet, áchase dispoñible nun 44% das microempresas, por un 90% das de máis dunha ducia de empregados (estas estatísticas, sinala FEAGA, son perfectamente aplicables á situación galega).
O proxecto Autónomos On Line vai destinado a favorecer os seguintes puntos: máis servizos profesionais en Internet (web propia, contas de correo electrónico, tenda virtual, catálogos en liña), equipamentos informáticos axeitados (portátil) e recursos precisos para mellorar a produtividade e a competitividade. A iniciativa, que conta coa axuda do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), suporá un desenvolvemento para os autónomos interesados nela de 688,50 euros, incluíndo computador portátil, páxina web, dez contas de correo e servizos integrais de información e xestión para autónomos formando a oficina virtual. “Este baixo custo”, informa FEAGA, “é posible grazas ás achegas do IGAPE, que supoñen o 50% da subvención”. O proxecto, que se atopa no que se podería chamar unha “fase piloto”, vai beneficiar nesta primeira etapa a 85 autónomos galegos. Para máis información, cómpre poñerse en contacto con FEAGA na súa páxina web ou ben a través do teléfono 981 151 453.

PUBLICIDADE