FEUGA mergúllanos nos recursos para transformar dixitalmente a nosa área de compras

luns, 18 de outubro do 2021 S. P.

FEUGA vai organizar en novembro unha actividade sobre os mellores procesos e metodoloxías dos que podemos botar man para acadar unha óptima dixitalización no seo da nosa empresa, poñendo o foco nas divisións de compras.
Trátase do seminario en liña E-Procurement. Transformación dixital da área de compras, que prepara a empresas e a profesionais para a xestión da actividade comercial do século XXI, axudándoos a achegar o máximo valor á súa actividade. Segundo informa FEUGA, en España máis do 70% das empresas xa están dixitalizadas e seguen en constante evolución, polo “que os profesionais teñen o reto de estar capacitados para responder as necesidades das organizacións”.
Para poñernos en situación, FEUGA engade que o concepto E-Procurement designa a necesidade de de todas as empresas e profesionais de mellorar os seus coñecementos e procesos completos de xestión da área de compras cara á transformación dixital: “Nun século XXI de importante transformación tecnolóxica nos procesos comerciais e operacionais, as ferramentas dixitais son clave para levar ao departamento de compras cara ao seu mellor desempeño co apoio de software específico da área de compras e para lograr relacións B2B que lles permitirán non só ser moito máis eficientes senón tamén poder crear valor desde o departamento, optimizando todos os seus procesos e obtendo información clave para a toma de mellores decisións”.
A través desta formación, o alumnado coñecerá a través de diversas ferramentas electrónicas líderes en España e no mundo, como se xestionan todos os procesos dixitais.
A actividade constará de 12 horas de formación, con data de inicio para o 2 de novembro, sendo o día 25 de outubro a data límite para formalizar a inscrición. O horario das sesións é de 15:30 a 17:30 horas, e o importe de 325 euros. Os contidos serán impartidos por Enric Almiñana Serra.

PUBLICIDADE