FalaRedes e Os Bolechas acompañan a súa nova xira cun concurso en liña

xoves, 14 de setembro do 2017 Redacción

A Secretaría Xeral de Política Lingüística informou esta semana da nova edición, a sexta, da iniciativa de dinamización lingüística FalaRedes. Trátase, segundo lembrou o secretario xeral Valentín García, dun programa participativo, itinerante e lúdico para a promoción do galego, tanto no plano real (con accións in situ para as crianzas) coma no dixital. A sexta edición de FalaRedes foi dada a coñecer dende Moraña (Pontevedra), onde comezará (este 16 de setembro ás 18.00 horas na Casa da Cultura) unha xira por 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta. O percorrido (De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas) será conducido por uns convidados de excepción: a familia de Os Bolechas, os populares personaxes creados por Pepe Carreiro.
O secretario de Política Lingüística engadiu que se trata dunha actividade “especificamente pensada para familias novas con cativada dos catro aos dez anos, para quen os coñecidos bonecos son referentes galegofalantes cos que ano a ano tentamos chegar con temáticas e propostas diversas pero sempre atractivas co obxectivo de animalos a participar, a socializar e a desenvolverse en galego”. Acompañárono na presentación a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e mais un dos responsábeis de Bolanda Edicións, Tomás Valín.
O espectáculo chegará, do 16 de setembro ao 5 de novembro, a Moraña, Sober, Castrelo de Miño, Barro, Caldas de Reis, Castro Caldelas, Triacastela, Quiroga, Rianxo (en colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte), Pazos de Borbén, A Bola, Frades (en colaboración coa Mancomunidade da Comarca de Ordes), Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove.
O secretario xeral tamén recordou que esta sexta edición de FalaRedes virá novamente cun correlativo no plano dixital, complementándose os espectáculos itinerantes (coas súas datas e os seus emprazamentos) con retos a desenvolver nas redes. Neste senso, a organización acompañará cada cita cun concurso no que se convidará ás nenas e aos nenos a coñecer unha palabra máxica que lles permitirá acceder á páxina web para “seguir xogando e aprendendo máis” para conseguir até 20 lotes dos libros de Os Bolechas.
A iniciativa presentada esta semana en Moraña é a cuarta proposta de dinamización lingüística que chega á RDL en exclusiva da man dos Bolechas, que xa levaron as actividades Os Bolechas na máquina do tempo, Os Bolechas e o sabichón e mais Os Bolechas van ás Olimpíadas en edicións anteriores do FalaRedes.
FalaRedes 2017
A sexta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes mantén os obxectivos das anteriores de “ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia”.
Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades.

PUBLICIDADE