Falece o antigo presidente de Filmax

martes, 18 de novembro do 2025 Marcus Fernández

Julio Fernández en 2010

Unha das figuras chave do audiovisual español e galego, o produtor cinematográfico e presidente de Filmax, Julio Fernández Rodriguez, natural de Cereixido (A Fonsagrada), finou en Miami aos 78 anos.
Fernández emigrou a Cataluña en 1960, onde comezou emprendendo no sector inmobiliario, para adquirir a marca Filmax en 1987, compañía que produciu máis dun cento de longametraxes entre os que podemos destacar O maquinista (protagonizada por Christian Bale), El perfume (adaptación da obra literaria de Patrick Süskind) e The Way (filme de Martin Sheen e Emilio Estévez que tivo un grande impacto na divulgación internacional do Camiño de Santiago).
De Filmax tamén naceron outros proxectos audiovisuais como Castelao Films, a sección dedicada ao cine fantástico e de terror Fantastic Factory (Romasanta: A caza da besta, Dagon, a seita do mar, La monja) e, moi especialmente, a empresa de animación Brent Entertainment, con sede en Compostela, con producións como O Cid, a lenda, P3K: Pinocho 3000, Pérez, o ratiño dos teus soños ou Donkey Xote.
Julio Fernández foi condecorado en 2002 coa Medalla Castelao, recibiu en 2009 a medalla de ouro dos Premios Cinematográficos José María Forqué e en 2010 foi condecorado coa insignia de ouro da Deputación Provincial de Lugo.