Far Cry 5 chega ás tendas

martes, 27 de marzo do 2018 Marcus Fernández

A franquía de Far Cry estrea hoxe unha nova entrega, que traslada a acción ao EE.UU., concretamente ao condado de Hope en Montana, onde unha seita apocalíptica coñecida como a Porta do Edén está a facer das súas, polo que teremos que enfrontarnos ao seu líder, Joseph Seed, e aos seus irmáns para instar á creación dunha resistencia que conduza á liberación da comunidade que vive ao seu redor.
Far Cry 5 permítenos enfrontar este duro reto en solitario ou en cooperativo de 2 xogadores, podendo tamén recrutar pistoleiros e animais salvaxes para derrotar á seita, gozando de grande liberdade para cumprir a nosa misión, xa que teremos moitos xeitos de proceder, e tamén numerosos elementos dos que tomar control, pois poderemos empregar bólidos míticos, quads, avións e moito máis, no que é a aventura de Far Cry máis personalizable até o momento.
O contorno irarse adaptando ás nosas decisións, o que poderemos percibir a través dun medidor de resistencia. Pero non só ten grandes posibilidades xogables, senón que tecnicamente tamén é un produto notable, podendo tirar proveito das últimas consolas con gráficos 4K e, no caso dos ordenadores persoais, incluso é compatible coa tecnoloxía de seguimento ocular de Tobii Gaming (de xeito que poderemos marcar inimigos coa mirada se contamos con hardware compatible).
Dende hoxe podemos gozar de Far Cry 5 nas súas versións para Xbox One, PlayStation 4 e PC, recomendándose neste último caso contar cun PC que como mínimo teña un procesador Intel Core i5-2400 ou AMD FX-6300, 8 GB de RAM e unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 670 ou AMD R9 270.

O xogo ofrece unha acción moi completa, con vehículos, avionestas, animais salvaxes...

PUBLICIDADE