Fernando R. Ojea, novo secretario xeral da FORTA
xoves, 18 de setembro do 2025
O xornalista Fernando R. Ojea, quen exerceu ata o pasado mes de xullo como director de Contidos da CRTVG/CSAG, foi elixido este mediodÃa en Madrid secretario xeral da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA), en substitución de Enrique Laucirica.
A decisión foi adoptada por unanimidade pola xunta xeral de FORTA, integrada polas direccións xerais dos doce organismos autonómicos. Actualmente, Ojea ocupa tamén a secretarÃa xeral de CIRCOM Rexional, a asociación europea que reúne os medios públicos rexionais de trinta paÃses, e forma parte do Comité Asesor do Observatorio Audiovisual Europeo.
Ata hai poucas semanas desempeñou o cargo de director de Contidos da CSAG, onde con anterioridade fora responsable da área de Proxección Social. A súa carreira abrangue igualmente a prensa escrita: dirixiu o Atlántico Diario, en Vigo, e foi redactor xefe de EconomÃa en La Voz de Galicia, na Coruña. É licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e posúe un Diploma de Estudos Avanzados en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña.
Nas súas primeiras declaracións tras o nomeamento, Fernando R. Ojea destacou: «asumo con ilusión esta nova responsabilidade en FORTA, que é o punto de encontro de doce medios autonómicos que representan coma ninguén os valores da proximidade ao cidadán e a diversidade territorial do noso sistema público de comunicación. O meu obxectivo será recoller o legado de Enrique Laucirica e, desde a experiencia acumulada, contribuÃr na medida do posible á eficiencia e calidade dos medios pertencentes á FORTA, asà como á súa proxección conxunta dentro e fóra de España».
