Ferrol lanza unha app para plantarlle cara á violencia machista

luns, 20 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Ferrol presentou este mes de maio unha aplicación móbil contra as agresións machistas que foi desenvolvida ao cen por cen empregando os recursos da Administración local, máis polo miúdo co esforzo e as capacidades das técnicas de Igualdade e do Centro de Recursos Informáticos do Concello. A ferramenta chámase Lilapp e xa está dispoñíbel para descarga en dispositivos Android e iOS. Un dos seus puntos fortes é unha ferramenta de xeolocalización que inclúe a posibilidade de facer unha alerta ao 112 e de comunicar o emprazamento exacto no que se atopa a persoa agredida.
A aplicación tamén inclúe un glosario cos máis sobranceiros nomes femininos da historia de Ferrol e un test de prevención de violencias machistas en distintos niveis. En palabras do Concello, o desenvolvemento da ferramenta só pode ser considerado “un éxito colectivo”, froito dunha aposta polo feminismo e dun compromiso a prol da innovación”, manifestaba o rexedor ferrolán na súa presentación, Jorge Suárez, que estivo acompañada (entre outras e outros) de Saínza Ruiz, edil de Muller, quen sinalou que a app “está deseñada para que poida levarse aos centros educativos e empregarse nas aulas”, amais de lembrar que “contén xogos e un glosario de termos propio”.

PUBLICIDADE