Fíltranse os datos persoais de 143 millóns de usuarios dunha axencia de crédito

venres, 8 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Unha das maiores axencias crediticias do mundo, Equifax, vén de recoñecer un incidente de ciberseguridade que podería ter afectado a 143 millóns de consumidores estadounidenses ao aproveitarse un fallo de seguridade nunha aplicación web da compañía para acceder a certos ficheiros.
A investigación iniciada pola empresa desvelou que os accesos sen autorización aos seus sistemas tiveron lugar entre mediados de maio e o mes de xullo, sen atoparse evidencias de actividade non autorizada nas bases de datos de crédito comercial ou de consumo.
Os datos expostos incluirían nomes, números de seguridade social, datas de nacemento, enderezos e, nalgúns casos, matrículas de vehículos, e números de tarxetas de crédito duns 209.000 consumidores estadounidenses, así como documentos que involucrarían a uns 182.000 consumidores estadounidenses. Tamén se identificou algún acceso sen autorización a información persoal dalgún residente en Canadá e Reino Unido.
Tal é o impacto deste fallo de seguridade que Equifax puxo en funcionamento unha páxina web destinada a dar información sobre esta importante filtración de datos que iría moito máis aló dos que outras compañías recoñeceron nos últimos anos, xa que desta volta a información é moi sensible e achega demasiada información de cada afectado, facilitando enormemente a súa suplantación.
A intrusión da que están a dar conta detectouse o 29 de xullo, resultando un tanto alarmante que tardasen tanto tempo en dar conta dun roubo de datos que podería ter serias repercusións para os cidadáns, cos que Equifax porase en contacto por correo electrónico para advertilos da filtración dos seus datos.

PUBLICIDADE