Final Fantasy XV estrea as súas edicións completas

martes, 6 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Os seareiros da franquía Final Fantasy que estiven a esperar pola edición para Windows e pola edición completa para consolas da súa última entrega xa non teñen que agardar máis, pois xa están á venda Final Fantasy XV: Windows Edition e Final Fantasy XV: Royal Edition, esta última edición con versións para Xbox One e PlayStation 4, de xeito que os que se fagan con ela non só terán o xogo principal, senón tamén todos os contidos incluídos no seu pase de tempada, así como algunhas características novas, como un mapa que leva directamente até o final, un modo cámara en primeira persoa, novos elementos e logros/trofeos adicionais.
O xogo convídanos a pórnos no rol do príncipe Noctis, que durante unha viaxe descubre que o seu país (Lucis) foi invadido, polo que terá que xuntar as forzas necesarias para descubrir o acontecido e recuperar a súa patria, para o que terá que superar numerosos retos xunto aos seus leais compañeiros, como enfrontarse a criaturas de enormes proporcións repartidas nun espectacular mundo aberto. Temos así un novo universo dentro desta saga, o que supuxo no seu día un sopro de aire fresco e abriu numerosas posibilidades para que esta iteración da franquía conseguise un carácter de seu.
Cómpre salientar que a edición para Windows permitirá gozar de gráficos até 8K con HDR10 e tamén é compatible con mods, de xeito que sería a versión máis completa e espectacular sempre que contemos cun equipo o suficientemente potente. Tamén será posible facerse co xogo en distintas plataformas dixitais (a Tenda de Microsoft, Steam e Origin).

JPEG - 183.1 KB
No xogo haberá que enfrontarse a enormes criaturas repartidas nun rico mundo aberto

Tráiler de lanzamento de Final Fantasy XV: Windows Edition

PUBLICIDADE