Finalmente Instagram non advertirá das capturas de pantalla das súas historias

venres, 15 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Unha das características que definía inicialmente a Snapchat era a posibilidade de advertir a un usuario se outro facía unha captura de pantalla do seu contido e o pasado mes de febreiro Instagram anunciou que estaba a probar a facer o mesmo coas súas historias, de xeito que se alguén tomaba unha captura de pantalla ou gravaba a pantalla a persoa que publicara inicialmente o contido podería sabelo (aparecendo unha icona indicando os usuarios que capturaron o contido na listaxe de persoas que viron a historia).
Ao parecer as probas desta medida de protección (que podía saltarse de xeito doado mediante distintos métodos) non foron todo o positivas que poderiamos pensar, e finalmente decidiron non levar adiante a funcionalidade de advertir da captura dos contidos nas historias de Instagram, de xeito que os usuarios terán que ter un mínimo de prudencia, xa que o feito d que as historias desaparecen ás 24 horas non será garantía de que os contidos publicados por tal canle non queden rexistrados en dispositivos alleos.

PUBLICIDADE