Football Manager Live: videoxogos, Rede e fútbol nun único produto

luns, 23 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Da mestura de dous fenómenos de masas na actualidade como son o fútbol e a Rede de Redes non podía saír nada (digo eu) que non tivese a capacidade de converterse en éxito nada máis concorrer no mercado. Se a isto lle engadimos o feito de que ese produto do que falo é un videoxogo, de contado podemos facernos unha idea do resultado final: o incremento descontrolado da febre polos xogos en liña, xurdido da actualización da saga Football Manager, que na primavera de 2008 será presentada na súa nova versión beta.
O Football Manager Live, como se fai chamar a nova versión en liña deste xogo, está pensado para empregar como un MMO e nel poderanse crear liguiñas, puxar en liña por xogadores e disputar partidos en tempo real as 24 horas do día, os 365 días do ano.
Polo menos, así o veñen de anunciar Sega e Sports Interactive, as firmas xestionadoras da saga futbolística, que, amais aseguraron que “se crearán servidores de xogo de até 1.000 usuarios” e “un ranking mundial en base a un evolucionado sistema de puntos”.
Ademais, os internautas deberán crear os seus propios clubs, xa que non existirán xogadores nin equipos reais, co agravante de que nunha das dúas modalidades de xogo, os futbolistas iranse facendo vellos e iranse retirando para dar paso a novas promesas. En definitiva, lecer novo para os seareiros dos xogos en liña de calidade real.

PUBLICIDADE