Fortnite para Android incorpora VoIP e chega a novos dispositivos

xoves, 6 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O lanzamento de Fortnite para Android provocou moita expectación por chegar de xeito paulatino a distintos dispositivos de alta gama e dende fóra da tenda de aplicacións de Google, de xeito que a súa beta está a converterse nun fenómeno ao que atender porque pode marcar os pasos que seguirán outros proxectos móbiles que non queren compartir os seus ingresos económicos con intermediarios innecesarios como Google.
Agora dende Epic Games detallan que durante os 21 primeiros días da beta de Fortnite para Android rexistraron o acceso de máis de 23 millóns de xogadores, dos que 15 millóns instalaron o APK, o que é un volume moi importante se temos en conta que o xogo aínda está nunha beta pechada (sendo preciso unha invitación para participar, agás que contemos cun terminal Galaxy de gama alta).
A creación dun instalador para o xogo foi todo un reto, así como os problemas de seguridade que foro xurdindo, así como o ter que atender unha elevada fragmentación dentro de Android, onde hai unha grande diversidade de configuracións de hardware, aínda que dende Epic Games amosan a súa satisfacción ao ver o bo desempeño do seu xogo incluso en terminais cun par de anos de antigüidade, grazas en boa medida para as moitas optimizacións que están a facer no xogo, que está a conseguir uns resultados máis que dignos, deixando ver que no futuro imos ter xogos de móbil cunha potencia comparable á de moitos xogos de consola, grazas a que a potencia de CPU e GPU dos móbiles non para de medrar ano tras ano.
Fortnite para Android está a facer historia, ao ser o primeiro título de consola e PC que aparece en Android como xogo multiplataforma e con compatibilidade total, así como tamén é o primeiro grande xogo distribuído fóra da tenda de aplicacións de Google. Amais, a última actualización do xogo supón tamén grandes avances, ao abrirse o xogo a smartphones das marcas Essential, Motorola, HTC e Sony e recibir VoIP (ou sexa, que por fin pódese chatear por voz dende o móbil).

PUBLICIDADE