Fortnite para Android xa non é exclusivo de Samsung, pero precisa de invitación

luns, 13 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O lanzamento da beta de Fortnite para Android provocou malestar entre moitos seareiros do xogo, que querían gozar do mesmo nos seus dispositivos, e o feito de que fose exclusivo inicialmente de terminais Samsung Galaxy era un importante atranco, pero finalmente esta exclusividade era moi limitada, e o instalador do xogo xa non está limitado á familia Galaxy, o que non quere dicir que xa sexa posible xogar libremente a este título, pois hai que ter en conta que estamos ante unha beta pechada, ou sexa, que aínda que instalemos o xogo no nos dispositivo, non poderemos iniciar o xogo até que recibamos o pertinente convite por parte de Epic Games, que dende hai meses permite a inscrición para esta beta.
A listaxe de terminais compatibles con Fortnite aínda é moi limitada, en boa medida porque é un xogo moi esixente a nivel de hardware, e como referencia de requisito mínimo para funcionar temos o Samsung Galaxy S7, ou sexa, un smartphone de alta gama de hai un par de anos, de xeito que quen teña un dispositivo de gama media na meirande parte dos casos non poderá acceder a este xogo.
Este tipo de lanzamento por etapas é habitual en títulos cunha forte compoñente en liña, na que é preciso escalar servidores para conseguir un funcionamento óptimo do sistema, o que sumado á diversidade de dispositivos que poden conectarse, fai que dende Epic Games teñan que ser moito máis prudentes coa beta para Android do que foron coa versión para iOS.
Cómpre advertir que non é recomendable procurar a instalación de Fortnite dende fontes distintas á propia páxina web de Epic Games ou da tenda de aplicacións de Samsung, xa que de nada servirá instalar un APK filtrado ou modificado, xa que os servidores en liña bloquearán o acceso a usuarios non autorizados e a terminais non compatibles, e no caso de que poidan superarse eses atrancos, a experiencia de xogos posiblemente será moi mala. Tampouco hai garantías de que os instaladores non oficiais do xogo sexa software seguro, pois Fortnite está a ser un importante reclamo para a distribución de malware de distinto tipo.

JPEG - 96.6 KB
Fortnite para Android conta con controis adaptados a pantalla táctil

PUBLICIDADE