Fortnite volverá á App Store en Australia

martes, 12 de agosto do 2025 Redacción

Un xuíz federal australiano declarou que Apple e Google exercen unha posición de dominio anticompetitiva no mercado das aplicacións, nunha resolución que supón unha vitoria parcial para Epic Games, creadora de Fortnite, e que podería derivar nunha das maiores indemnizacións colectivas da historia corporativa de Australia.
A sentenza, asinada polo maxistrado Johnathan Beach, conclúe que ambas compañías reduciran a competencia ao impoñer comisións de ata o 30 % en cada compra integrada e ao impedir sistemas de pago alternativos, algo que non aplican a aplicacións que venden bens físicos como comida ou transporte. No caso de Apple, o xuíz tamén sinala que a prohibición de distribuír aplicacións nativas fóra da App Store supuxo «unha diminución substancial da competencia». Porén, rexeitou as acusacións de que Apple e Google vulnerasen a lexislación de defensa do consumidor ou incorreran en condutas abusivas.
A resolución, que compila catro procedementos e ten 2000 páxinas, tamén valida dúas demandas colectivas contra as multinacionais, o que abre a porta a un importante pagamento de compensación. Epic asegurou que Fortnite regresará pronto aos dispositivos Apple en Australia e cualificou o fallo como «unha vitoria para desenvolvedores e consumidores en Australia», aínda que persiste a incerteza sobre a súa volta a Android.
Apple acolleu con satisfacción que se rexeitasen parte das reclamacións de Epic, mais amosou un «forte desacordo» co resto do fallo, defendendo que a App Store é «o lugar máis seguro para conseguir aplicacións» e que afronta «dura competencia» en todos os mercados. Google, pola súa banda, incidiu en que Android é «máis aberto» que o ecosistema de Apple e que ofrece «máis opcións» aos desenvolvedores, aínda que discrepa coa interpretación xudicial das súas políticas de facturación.
Lembremos que este conflito de Epic Games con Apple e Google está a reproducirse en varios países, inclinándose a balanza cada vez máis por Epic, especialmente no caso de Apple, xa que a compañía de Cupertino imposibilitaba a instalación no iPhone de aplicacións que non lle pagasen comisión polas compras dixitais.