Friendware estrea unha nova edición do Pro Cycling Manager para PC
martes, 24 de xullo do 2007
Os afeccionados ó ciclismo semellan estar de sorte estes días. A Volta a España promete, o Tour está que arde, o tempo está a mellorar para saírmos a dar unhas pedaleadas, e, aínda por riba, van os de FriendWare e sacan á luz a sétima edición do Pro Cycling Manager para PC.
Malia que este xogo segue en evolución, aínda ofrece aqueles elementos que o converteron nun éxito ó longo dos pasados anos, como por exemplo, os comentarios en carreira de Carlos de Andrés (o recoñecido comentarista de ciclismo de TVE), 61 equipos profesionais para xestionar o que se desexe, posibilidade de atopar novos corredores para contratar, máis de 500 carreiras en tempo real e en 3D con decorados de alta resolución... elementos que converten esta sétima edición na que ben podería ser a mellor entrega da serie.
Os cambios que se incluíron nesta nova entrega son incontables, pero o máis salientable é o redeseño total da interface do xogo, que se modificou para permitir unha navegación máis sinxela e intuitiva. Tamén se mellorou o sistema de fichaxes de corredores, o motor de simulacións de carreiras, o sistema de olladores e a intelixencia artificial dos ciclistas.
Asemade, esta sétima entrega incorpora novidades na carreira 3D como a figura do “observador” e máis calidade nos gráficos da devandita carreira, incluíndo un novo sistema de sombras, novos decorados e texturas e novas zonas de inicio do traxecto.