Futboldelacasa.com fracasa no seu intento de retransmitir pola Rede o último encontro da Selección Española de Fútbol
xoves, 13 de setembro do 2007

- Futboldelacasa.com prometía retransmitir o encontro da selección mediante streaming
Seguir os partidos de fútbol a través da Internet é
un asunto que normalmente se asocia á utilización de plataformas televisivas
P2P para piratear o sinal televisivo e ver os encontros de pago de balde, pero
o xornalista José Ángel de la
Casa, que levaba máis de 3 décadas en TVE, lanzou a súa
propia páxina web, Futboldelacasa.com,
dende a que pretendía seguir a pór voz (xunto
con ex-xogador Míchel) ós partidos da Selección Española de Fútbol, anunciando
que o
pasado mércores faría o propio co encontro España-Letonia.
Segundo publican na web de José Ángel de la Casa, terían acordado coa empresa propietaria dos
dereitos de emisión do partido a súa emisión mediante streaming, pero tal
retransmisión se suspendeu a última hora por un conflito de intereses
imprevisto (ó que se sumaron dificultades técnicas que impediron navegar
correctamente por Futboldelacasa.com varias horas antes do encontro deportivo).
Deste xeito, unha iniciativa que pretendía revolucionar as retransmisións
futbolísticas en España quedou en nada, dando a impresión de que se tratou
dunha experiencia improvisada e pouco solvente.
