GAIN celebra este martes o Día da Muller na Ciencia cun espectáculo de divulgación
luns, 5 de febreiro do 2024
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) súmase á celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia, organizando un espectáculo científico centrado na importancia das mulleres científicas e tecnólogas ao longo da historia. A actividade, abeirada ao Programa D’Tec, celebrarase este martes 6 de febreiro en horario de 11 a 12.30 horas, no Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (CIS), en Ferrol.
A charla, conducida polos divulgadores Iria Ollero e David Ballesteros, permitirá aproximarnos dun xeito atractivo a grandes mulleres que fixeron importantes achegas científicas e nunca recibiron o recoñecemento social que merecían.
Durante o show combinaranse datos biográficos e anécdotas vitais con experimentos rechamantes inspirados nas científicas presentadas, facendo que a proposta sexa apta para todo tipo de públicos, independentemente dos seus coñecementos previos.
Contidos
-Un pouco de historia. Presentación da charla e introdución histórica sobre a importancia das mulleres na Ciencia e o seu escaso recoñecemento.
-Rompamos o teito de cristal. É importante non ter límites “mentais”. Todas as persoas poden aspirar a grandes fitos, e non vivir con medo a teitos de cristal.
-Grandes mulleres da Ciencia: Hipatia de Alejandría (a primeira gran matemática da que temos noticias; presentarase a súa obra e convidarase ao público a facer un experimento matemático), Marie Anne Pierrette Paulze (coñecida por ser “a muller” de Lavoisier, en realidade foi a súa compañeira de laboratorio e unha personaxe clave no nacemento da química; renderáselle homenaxe cun experimento sobre a conservación da masa), Lisa Meitner (a única muller que dá nome a un elemento da táboa periódica, fixo achegas clave para a compresión da materia a nivel atómico), Marie Curie (unha persoa fundamental na historia da ciencia, é un exemplo de esforzo e talento), Hertha Marks Ayrton (a científica interdisciplinar por excelencia, foi enxeñeira, matemática, física e inventora; fixo descubrimentos fundamentais no ámbito da electricidade; para ilustrar o seu traballo crearanse efectos sorprendentes coa axuda dunha bobina tesla), África González (sobranceira científica galega, unha das inmunólogas máis destacadas da actualidade a nivel mundial; desde Vigo, dirixe investigacións en vacinas e nanotecnoloxía punteiras), Rosalind Franklin (morreu sen que se recoñecera a importancia das súas achegas na compresión da estrutura do ADN; é un exemplo perfecto da inxustiza histórica coas mulleres científicas; para renderlle homenaxe farase un experimento con todo o público ligado á xenética e o ADN), Susan Salomon (científica en activo, foi fundamental na compresión da orixe do burato na capa de ozono da atmosfera terrestre, ilustraranse os seus traballos experimentando co aire e xerando efectos sorprendentes) e May-britt Moser (neuróloga e Premio Nobel de medicina polas súas achegas a compresión do funcionamento do cerebro humano).
-Reflexión final. A charla finalizará cunha reflexión sobre “a importancia do coñecemento e destacar a labor das científicas, así como recordar as nenas asistentes que poden aspirar a todo”.