GAIN celebra o 25 de abril a VII edición do Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial
venres, 12 de abril do 2024
A Consellería de Economía, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), celebra o vindeiro 25 de abril (a partir das 10.00 horas) a sétima edición do Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia. O evento, co que a Xunta conmemora o Día Internacional do Deseño, celebrarase no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) e está aberto a profesionais do deseño de todas as áreas de especialización (gráfico, estratéxico, de espazos, dixital, de moda e industrial e de produto), estudantes e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación, competitividade e sostibilidade nas súas organizacións.
Nesta edición GAIN porá o foco na relación entre o deseño, a tecnoloxía e o impacto económico. Desta maneira, “as persoas asistentes terán ocasión de coñecer a visión de profesionais de distintas disciplinas, dende o deseño gráfico e de produto dixital ata o deseño de servizos centrado na experiencia de usuario, que explicarán a súa interacción actual e futura coa tecnoloxía e como esta simbiose impacta no desenvolvemento económico”, sinala GAIN.
O encontro, que se celebra no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - DIFERENZA, terá como eixe central cinco intervencións:
-360 graos: unha visión integral para o desenvolvemento social e económico. Uqui Permui.
-Por que facemos o que facemos? Costa (Dani Bembibre e David Silvosa).
-A arte de divagar: pensar diferente para poder innovar. Carmen Bouza (Accenture Song).
-A importancia da relación cliente-tecnoloxía na nova contorna dixital. Rosa Seoane (Abanca).
-O deseño como gran catalizador. Javier Cañada (Visual MS).
O evento está aberto á inscrición principalmente par profesionais do deseño de todas as áreas de especialización (gráfico, estratéxico, de espazos, dixital, de moda e industrial e de produto); representantes de pemes e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación, competitividade e sustentabilidade nas súas organizacións; e estudantes de deseño e doutras disciplinas relacionadas.