GAIN convoca a primeira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño

venres, 16 de outubro do 2020 S. P.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), convocou a primeira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño, uns importantes recoñecementos dirixidos a visualizar e distinguir o labor das persoas e empresas que están a contribuír “de xeito significativo ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño”.
Haberá dúas seccións (innovación e deseño) de categorías cunha contía total de recoñecementos de 60.000 euros.
En concreto, con estes premios, informa GAIN, búscase “salientar as mellores prácticas para que sirvan de exemplo a todo o tecido empresarial galego, poñendo de relevo como a innovación e o deseño cumpren un papel esencial para mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade de vida das persoas”.

Patricia Argerey, directora de GAIN, nunha vídeo-conferencia de traballo

As seccións e as categorías son as seguintes:
· Sección innovación
Trátase da sección específica destes galardóns que recoñecerá as persoas e empresas coas traxectorias e prácticas de innovación máis destacadas conta con tres categorías:
- Traxectoria innovadora: 15.000€ Empresarios e profesionais cunha traxectoria de alomenos dez anos na que a innovación fose unha das súas características relevantes.
- Pequena e mediana empresa: 15.000€ Pequenas e medianas empresas con demostrada actividade innovadora durante alomenos os últimos cinco anos.
- Gran empresa: carácter honorífico, para grandes empresas cunha actividade innovadora ao longo de, como mínimo, a última década.
· Sección deseño
Nesta sección recoñecerase ás persoas e empresas que mellor representen a contribución do deseño galego á innovación conta con tres categorías:
- Profesionais: 15.000€ Profesionais do deseño (persoas físicas ou equipos de profesionais) cunha traxectoria de alomenos dez anos de recoñecido prestixio no sector.
- Deseñadores/as mozos/as: 15.000€ Creadores de ata 35 anos de idade cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.
- Empresas: carácter honorífico. Distinguirase o labor de empresas consolidadas que incorporasen o deseño a súa estratexia empresarial ao longo de, como mínimo, a última década.
Prazos e requirimentos
O prazo de presentación de candidaturas ficará aberto ata o 9 de decembro de 2020. Poderán ser candidatas as persoas físicas e as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia, validamente constituído e que manteña a súa actividade. As candidaturas da categoría Traxectoria innovadora da sección de Innovación do certame, así como as das categorías Profesionais e Deseñadores/as mozos/as da sección de deseño, deberán contar, como mínimo, con dous avais de persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos da innovación e do deseño, respectivamente.

PUBLICIDADE