GAMELSA, o CTAG e Televés amplifican co proxecto CLAUDIIA os beneficios da Industria 4.0

venres, 11 de marzo do 2022 S. P.

Este xoves 10 de marzo celebrouse a presentación de resultados do proxecto CLAUDIIA, liderado pola empresa GAMELSA e na que toman toman parte o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e outras dúas empresas do grupo Televés Corporación, Arantia e GAINSA.
CLAUDIIA, polas súas siglas en inglés capa colaborativa para a automatización e desenvolvemento dunha aproximación industrial innovadora, céntrase na creación e posta en marcha de tecnoloxías dixitais avanzadas (Internet das Cousas, Big Data, deseño computacional, robótica colaborativa, vehículos de guiado autónomo -AGV- ou xemelgos dixitais) coa finalidade de “optimizar as capacidades produtivas das firmas participantes”. Ou sexa, trátase de achegar respostas tecnolóxicas avanzadas, baseadas na análise pormenorizada e produtiva da información a gran escala, para flexibilizar os procesos produtivos, gañar competitividade e ofrecer produtos e solucións personalizadas, axustadas ás necesidades dos clientes dunha empresas.
O evento celebrado estritamente por vídeo-conferencia, foi dirixido por José Gimeno, director xerente de GAMELSA, quen destacou os avances até a data no despregamento de redes de sensórica e obtención de información en tempo real, a creación de interfaces 4.0 para interactuar cos clientes e as novas solucións adaptadas ás novas tendencias.
Pola súa banda, Arantia presentou da man de Lorena Domínguez, responsábel de proxectos de Televés Corporación, os fitos na creación dun servizo de recollida de datos e procesado intelixente para procesos produtivos e da xestión de dispositivos heteroxéneos involucrados nos devanditos procesos. Respecto da contribución do CTAG, o centro presentou a través de David Gómez, project manager, o desenvolvemento dun modelo de xemelgo dixital como pedra angular sobre a que testar as melloras a implantar en fábrica, simulando o seu impacto previamente nunha contorna virtual.
Segundo se fixo saber no evento, toda esta infraestrutura de rede está liderada por GAINSA, que contou con Rafael Pardo, de Televés Corporación, para explicar como se está a formar unha contorna de intelixencia corporativa a través da creación dunha infraestrutura de computación e rede para a converxencia IT/OT.
O proxecto CLAUDIIA conta co apoio do programa Fábrica Intelixente da Xunta de Galicia, e prevé un investimento de 3,94 millóns de euros até o ano 2022, ademais do apoio financeiro do programa Fábrica Intelixente da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE