GOG.com recupera varios clásicos de Konami

venres, 25 de setembro do 2020 Marcus Fernández

A tenda de videoxogos GOG.com está a traer de volta para ordenadores modernos varios grandes clásicos de 8 bits de Konami, facilitando así que os xogadores con equipos actuais poidan gozar de grandes xogos que marcaron unha época.
O Metal Gear de 1987 foi a primeira entrega dunha serie con grande repercusión, que pasou a ser un referente nos xogos de infiltración, como quedaría claro en 1998 coa súa segunda entrega, Metal Gear Solid, que meteríanos na pel de Solid Snake nunha misión de infiltración nunha instalación nuclear para neutralizar unha ameaza terrorista.
Estes primeiros xogos teñen relevancia basicamente histórica, mentres que como traballo de recuperación moitos valorarán máis poder gozar de Metal Gear Solid 2: Substance, a versión expandida de Metal Gear Solid 2: Sons of Liberty, que non só permite xogar como Solid Snake, senón tamén como Raiden, nunha misión para deter a unha organización terrorista que quere desatar un caos nuclear.
Pero no só a serie de Metal Gear é a que recupera GOG, xa que tamén ofrecen unha interesante recompilación, Konami Collector’s Series: Castlevania & Contra, un lote que inclúe os títulos Castlevania, Castlevania II: Simon’s Quest, Castlevania III: Dracula’s Curse, Contra e Super C.
O Metal Gear e a recompilación de 5 xogos de Konami están dispoñibles a 5,99 euros cada un, mentres que as entregas de Metal Gear Solid véndense a 9,99 euros.

GOG.com permite poder gozar en ordenadores actuais dun xogo tan notable como foi Metal Gear Solid 2: Substance

PUBLICIDADE