GOG ofrece de balde o primeiro xogo de The Witcher

luns, 23 de abril do 2018 Marcus Fernández

A saga de The Witcher leva máis dunha década como un referente do seu xénero, pero moitos xogadores limitáronse ás súas últimas entregas, polo que poden considerar a última promoción de GOG como unha boa oportunidade de explorar as raizames desta franquía, xa que a tenda en liña con material libre de protección anti-copia decidiu premiar aos que se subscriban ao seu boletín por correo electrónico e que tamén instalen o xogo de naipes de balde Gwent (baseado nos xogos de The Witcher) cunha copia de The Witcher: Enhanced Edition.
Temos así un método sinxelo de facernos cunha copia da versión mellorada do primeiro xogo de The Witcher para PC e Mac, que é un dos xogos de rol de acción e fantasía máis influentes dos últimos anos, e que supuxo un impresionante achegamento ao universo literario de Andrzej Sapkowski (creador das aventuras de Geralt de Rivia). A secuela deste xogo tamén contou cunha versión mellorada para ordenadores persoais, conseguindo elevar aínda máis o listón co The Witcher 3: Wild Hunt, xogo de 2015 que pechou a triloxía, parecendo moi improbable que volvamos ter novas entregas en breve, xa que CD Projekt Red está moi involucrada na súa vindeira produción, o xogo Cyberpunk 2017, que semella ser aínda máis ambicioso que as distintas entregas de The Witcher.

PUBLICIDADE