Gabón non permitirá que o futuro Mega estea nun dos seus dominios de Internet
mércores, 7 de novembro do 2012

- Blaise Louembe anunciou que cancelarán o dominio me.ga
En xaneiro Kim Dotcom ten previsto revivir Megaupload a
través dun novo proxecto chamado polo momento Mega, e que, para fuxir da
dependencia da lexislación norteamericana á que están sometidos outros dominios
de Internet como o .com, decidiu que podería hospedar baixo o dominio gabonés
me.ga, o que tivo como consecuencia o anuncio do
ministro de Comunicacións do país, Blaise Louembe de que suspenderán o rexistro
de tal páxina web para “protexer os
dereitos de propiedade intelectual” e “loitar
efectivamente contra a ciberdelincuencia”.

- Kim Dotcom criticou a medida preventiva das autoridades gabonesas
Esta reacción está a resultar bastante polémica, pois por unha banda, se o
servizo é un simple almacenamento en liña non incumpriría ningunha lei (tal e
como critica
Dotcom a través de Twitter), e por outra, nin sequera está operativo, o que
supón un auténtico atropelo e algúns xa ven como un freo por parte das
autoridades de Gabón á innovación, xa que dificilmente alguén poderá apostar
por empregar tan sufixo na Internet ante a posibilidade de que o goberno do
país poida cancelar un dominio de xeito tan arbitrario.
Pero este pao na roda de Mega non supón a fin do proxecto, e Kim Dotcom apresurouse a
anunciar que teñen “un dominio
alternativa” engadindo que o acontecido “demostra a caza de bruxas de mala fe na que está involucrada o Goberno
dos EE.UU.”.
