Galicia Crime presentará o seu 4º episodio na Coruña

venres, 17 de marzo do 2017 Marcus Fernández

O audiovisual na Rede goza cada vez dunha maior aceptación e está a conseguir unha grande dinamización, como demostra o impresionante volume de propostas recibidas para o certame Carballo Interplay, e como unha mostra máis deste formato temos á serie web Galicia Crime, que está a vivir un momento doce tras recibir o premio Mestre Mateo á mellor webserie.

Esta orixinal comedia que homenaxea a películas de humor dos anos 80-90 como Agárralo como puedas ou Top Secret e que está protagonizada por Oswaldo Digón, Pedro Brandariz e Pepo Suevos baixo a dirección doutro cómico, Víctor Grande, ten xa gravada a súa primeira tempada composta por seis entregas, e tras superar o seu ecuador chega agora o momento de presentar o seu cuarto episodio, sendo a data fixada para iso o vindeiro luns.

Imaxe da presentación das dúas primeiras entregas de Galicia Crime na Coruña

Para facer máis memorable a nova entrega da webserie, o capítulo 4, Mortes Vivas, poderase ver en primicia nun encontro con moitos dos participantes desta produción, que xuntaranse o luns 20 de marzo ás 21:00 horas no Bar Sport Café Coruña (na rúa Marqués de Pontejos).

Aparte de proxectar varios vídeos, o director Víctor Grande e varios dos membros do equipo de Galicia Crime participarán nun pequeno faladoiro co público asistente.

Vídeo promocional da webserie Galicia Crime

PUBLICIDADE