Galicia acubillará o desenvolvemento de 18 pilotos baseados no 5G

luns, 27 de maio do 2019 Redacción

A nosa terra vai ser un referente no novo (e prometedor) estándar de telefonía móbil, o 5G. Así o explicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, no transcurso da nova edición (a 24) da Noite das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que organizan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. Segundo fixo saber, na nosa Comunidade desenvolveranse un total de 18 casos de uso e pilotos de 5G. Levaranse a cabo nas sete principais cidades galegas “en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios, entre outras”, sinalou.
Estas iniciativas, engadiu, darán resposta aos requirimentos de Europa aos Estados membros de realizar “casos de uso”, é dicir escenarios nos que se probe e pilote esta tecnoloxía, como paso previo á súa extensión.
Así o explicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, na clausura da XXIV Noite das Telecomunicacións, onde tamén lembrou que no marco do Nodo 5G ao que están adheridos Vodafone, Telefónica, Orange e a Universidade de Vigo, vanse a realizar 9 casos de uso baseados en tecnoloxía 5G, cun investimento total de 2 millóns de euros. “A estas iniciativas hai que sumar outras 9 subvencionadas pola entidade estatal Red.es e a compañía Telefónica para desenvolver tamén na Comunidade, e que suporán un investimento público privado de 11,5 millóns de euros en pilotos”, engadiu.
Plan Galicia 5G
Todas estas liñas de acción abrollan dun programa concreto: o Plan Galicia 5G. Este púxose en marcha en xullo de 2018, complementando as medidas europeas e estatais, cun obxectivo duplo: por unha banda, que Galicia estea na vangarda europea en disposición de de servizos 5 G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesaria para desenvolver posíbeis casos de uso desta tecnoloxía localícese na Comunidade.
Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por Orange, Vodafone e Telefónica. Outra das medidas do Plan é a relacionada coa formación. Galicia contará a partir de setembro co primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas a adhesión da Universidade de Vigo ao Nodo de Cooperación 5G, a través dun convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a AMTEGA, a Universidade de Vigo e RETEGAL.

PUBLICIDADE