Galicia contará con 26 novas canles locais de TDT

luns, 23 de xuño do 2014 Redacción

O pasado Consello da Xunta aprobou as bases e a convocatorio do concurso destinado ao outorgamento de 26 licenzas para a prestación de servizos de comunicación audiovisual televisiva de titularidade privada de ámbito local, que outorgaranse por un período de 15 anos, sen prexuízo das posibles renovacións ás que fai referencia a Lei xeral de comunicación audiovisual e que resolverase nun prazo de seis meses.
As licenzas de TDT de ámbito local que saen a concurso repartiranse do seguinte xeito: 3 en As Pontes, 2 en Vimianzo, 1 en Ferrol, 2 en Carballo, 2 en Chantada, 2 en Vilalba, 1 en Viveiro, 1 en Monforte, 2 en O Carballiño, 2 en O Barco, 2 en Verín, 3 en Ourense, 2 en Vilagarciá e 1 en Ponteareas. Resulta un tanto rechamante que nas cidades nas que houbo anteriores adxudicacións de programas de TDT que actualmente non se están explotar (por exemplo, na Coruña non está operativa ningunha das 3 licenzas adxudicadas) non se realice un novo concurso.
Os criterios mínimos que se terán en conta á hora de adxudicación das novas licenzas son a experiencia das empresas que concorren ao concurso, a súa solvencia e os medios de que dispoñen para a explotación da licenza, segundo establece a Lei 7/2010 xeral da comunicación audiovisual.
Entre os criterios de valoración destacan, a viabilidade económica, as características técnicas do proxecto, as características da emisión e programación, o fomento do emprego, así como o compromiso de non transmitir a licenza durante un período de tempo superior ao mínimo de dous anos que establece a Lei xeral da comunicación audiovisual. Valorarase tamén o compromiso de emitir en galego por encima do límite fixado pola lexislación vixente.
As ofertas presentadas polos solicitantes, que conteñan os criterios para ter en conta para a adxudicación, deberán estruturarse en catro bloques fundamentais: proposta de programación, proposta económica, proposta tecnolóxica e experiencia.

PUBLICIDADE