Galiciencia abre a súa edición online o 9 de decembro con obradoiros de cociña molecular e electricidade
martes, 24 de novembro do 2020
O
Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, vén de achegar
importantes novidades sobre a nova edición da feira Galiciencia,
o gran evento da mocidade investigadora galega (e doutros recantos do
ámbito estatal) que se celebra dende 2006, co apoio da Consellería
de Economía a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). A
edición número 15 da feira científico-tecnolóxica será os días
9, 10 e 11 de decembro, celebrándose baixo o lema que non deixa
dúbidas sobre a importancia do coñecemento avanzado e investigador
para resolver, con vistas ao día de mañá, os grandes retos de
hoxe: A innovación do futuro.
Por
certo que Galiciencia 2020
terá formato online debido ás restricións provocadas pola
actual situación sanitaria. Abrirase o 9 cun espectáculo de
ciencia e os días 10 e 11 celebraranse varios obradoiros para
alumnado de Primaria e Secundaria.
Ademais
da participación na Galiciencia mediante o envío de proxectos, que
competirán polo premio final do certame, os rapaces poderán
implicarse a través dunha serie de actividades. Os días 10 e 11, de
10.00 a 11.00 horas, será a quenda do alumnado de Primaria. Baixo o
título Iluminando o mundo, as mozas e mozos terán a
oportunidade de introducirse no eido da electricidade para descubrir
as propiedades dos materiais condutores, e mesmo realizarán os seus
primeiros circuítos eléctricos, empregando materiais tan sinxelos
como plastilina condutiva, pilas e LED. Para iso, os grupos recibirán
no seu centro educativo, de xeito gratuíto, un kit para poder
realizar a actividade.
Obradoiros
para alumnado de Secundaria
Pola
súa parte, o alumnado de Secundaria poderá participar no taller
Cociñando o futuro o 10 e o 11 de decembro de 11.30 a 12,30
horas. A idea é que a través da innovación culinaria os rapaces
sexan quen de descubrir a relación entre a química e o traballo de
laboratorio mentres crean as súas propias receitas do que hoxe se
coñece como “cociña molecular”. Así, prepararán
esferificacións directas e inversas e raviolis que terán como
elemento principal agar-agar (un extracto de algas con capacidade
xelificante).
Malia
realizarse por Internet, a Tecnópole lembra que será unha
actividade totalmente práctica. Os centros inscritos recibirán,
tamén de balde, os materiais necesarios para poder desenvolver este
taller. Cada kit inclúe reactivos para cociña molecular, agar-agar,
recipientes e micropipetas.