Gamerswalk mostra ante Francisco Conde as súas capacidades para atraer seareiros dos eSports
luns, 30 de abril do 2018
A
semana pasada as dependencias da firma TIC GamersWalk,
con sede en Oleiros, acolleron a visita do conselleiro de Economía,
Emprego e Industria, Francisco Conde, quen puido coñecer de man o
potencial de medre da firma centrada en servizos avanzados de
deportes en liña. Durante a súa estadía en Gamerswalk, Conde
salientou “a necesidade de apoiar ás novas empresas que se basean
nas novas tecnoloxías e a innovación, xa que conformarán o tecido
industrial do futuro”.
Asemade,
tivo oportunidade de esculcar nos detalles da plataforma de streaming
habilitada por Gamerswalk (unha innovadora plataforma-comunidade
centrada nos eSports e
que conecta directamente aos usuarios cos seus streamers
e os seus eventos deportivo-tecnolóxicos favoritos)
e de coñecer algúns dos principais logros da firma galega (fitos
entre os que se contan os premios Empresario
Novo e Emprendedor
Novo na VII edición dos galardóns
organizados pola Asociación de Empresarios Novos de Galicia, AJE
Galicia).
Conde enxalzou o traballo de startups
como Gamerswalk,
facendo fincapé nun dos grandes obxectivos do actual Goberno galego:
“Abrir camiño ao talento e ás novas ideas”.
Gamerswalk,
como sinalamos hai agora un ano, é unha das nosas empresas do sector
TIC de meirande proxección. Coa súa plataforma, en só catro meses
de actividade, foi quen de ir alén dos 50.000 usuarios, un fito sen
precedentes no mercado español. Ademais, o ritmo de medre da súa
comunidade é de aproximadamente medio milleiro de membros diarios.
