Gaming Copilot chega en probas a PC

venres, 19 de setembro do 2025 Redacción

Xbox dá un novo paso na súa aposta pola intelixencia artificial coa chegada de Gaming Copilot (Beta) a Windows PC e á aplicación móbil de Xbox en Apple e Android. Esta ferramenta, presentada como un asistente persoal para xogadores, achega recomendacións, axuda contextual, consellos e seguimento da experiencia de xogo en tempo real.
Desde hoxe, os usuarios de PC comezarán a ver como Gaming Copilot se integra de forma gradual na súa Game Bar, mentres que a versión móbil estará dispoñible a partir de outubro. A idea é que os xogadores poidan empregar o Copilot como unha segunda pantalla que lles dea apoio sen interromper o xogo principal.
O obxectivo é que a IA estea cando a necesitas, e desapareza cando non. A fase de probas coa comunidade permitiu introducir novidades como unha asistencia máis profunda dentro das partidas, un Modo Voz mellorado e a capacidade de recoñecer o que ocorre na pantalla en tempo real. Durante este período, a maior parte dos xogadores empregaron Copilot para mellorar o seu rendemento, resolver dúbidas sobre misións, estratexias ou configuracións, e recibir consellos para avanzar sen saír do xogo.
O Modo Voz é unha das funcións clave. En PC pódese activar cun atallo personalizado (Push to Talk) ou manter unha conversa continua mediante un widget en Mini Mode. Na aplicación móbil, abonda con premer a icona do micrófono para comezar a falar co asistente. A IA é capaz de responder preguntas sobre un inimigo que acaba de aparecer, ofrecer un resumo dun NPC ou lembrar onde e cando se produciu un encontro previo na partida.
Ademais da axuda dentro dos xogos, Gaming Copilot tamén serve para explorar a biblioteca de xogos, consultar o historial de partidas, pedir recomendacións personalizadas segundo os xéneros favoritos ou recibir orientación para desbloquear novos logros.
A dispoñibilidade inicial abrangue xogadores maiores de 18 anos en PC e estenderase á aplicación móbil en outubro. Máis adiante, Xbox prevé optimizar Copilot para dispositivos portátiles como o ROG Xbox Ally e o Ally X, que chegan o 16 de outubro, así como para as súas consolas.