GeForce NOW estrea aplicación para Steam Deck

xoves, 29 de maio do 2025 Marcus Fernández

O sistema de xogos en streaming de nVIDIA, GeForce NOW, estrea compatibilidade oficial con Steam Deck a través dunha nova aplicación, de xeito que os usuarios do servizo poden gozar de máis de 2.100 títulos dende a nube coa calidade dunha gráfica nVIDIA GeForce RTX.
Deste xeito os usuarios que teñan unha Steam Deck poderán gozar de HDR en modo portátil, conectar a máquina a un monitor para poder presentar gráficos ata 1.440p a 120 imaxes por segundo ou conectala a un televisor para xogar en pantalla grande en 4K ata 60 imaxes por segundo.
A aplicación de GeForce NOW permite gozar de xogos de alta calidade cun nivel gráfico moi superior ao dos xogos nativos de Steam Deck e cunha vantaxe moi interesante: dado que o procesamento dos xogos se realiza na nube, a autonomía da Steam Deck increméntase ata un 50%.
Lembremos que este servizo de xogos na nube non inclúe os xogos, senón que o usuario pode gozar dos títulos que teña adquirido previamente nas principais plataformas de xogo para PC.

Vídeo promocional de GeForce NOW