Gears of War, recoñecido como mellor xogo do ano en San Francisco

xoves, 8 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

O videoxogo Gears of War vén de recibir tres galardóns da man de desenvolvedores deste tipo de produtos no Game Developers Choice Awards (certame que forma parte do encontro GDC en San Francisco), incluíndo o recoñecemento ó mellor título. Este videoxogo, creado por Epic Games e Microsoft Game Studios, é ante todo unha proposta de acción que sitúa ó usuario nun mundo apocalíptico onde terá que facerlles fronte ós Locust, que son una raza de alieníxenas invasores que non veñen precisamente a tomar o te con pastas. Gears of War, que leva gañando seareiros en todo o mundo dende que foi posto no mercado, foi o lanzamento máis importante para a consola Xbox 360 de Microsoft e constitúe o xogo máis requirido para Xbox Live, servizo en liña da consola.
Ademais de Gears of War (que vai estar nos medios de comunicación para rato, e mesmo teremos tempo de fartarnos del, posto que a intención dos seus creadores é converter ó xogo en triloxía), no devandito certame tamén obtiveron recoñecementos os títulos Okami de Clover Studio e Capcom (un xogo de aventuras na natureza), polo seu deseño de personaxes e pola súa modernidade, e máis Wii Sports, de Nintendo, que acadou os premios ó deseño de xogo e á innovación. A aventura Aquaria (que transcorre dentro e fóra da auga) obtivo os 20.000 dólares do Gran Premio Seumas McNally ó mellor xogo independente, desta volta no festival Independent Games 2007.

PUBLICIDADE