Girl STEM trae á Coruña á directora xeral de Red Hat para a península

mércores, 17 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Prosegue co seu incansábel labor anti-estereotipos e pro-igualitario o programa Girl STEM, impulsado pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a axencia AMTEGA para esvaecer falsas crenzas en materia de ciencia, novas tecnoloxías e mocidade: as falsas crenzas que identifican aos homes coa ciencia e novas tecnoloxías, deixando de lado o crucial traballo das mulleres nestes ámbitos. O programa, que se compón de relatorios con referentes femininos en ámbitos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), achegará o día 19 unha nova sesión divulgativa, desta volta con Julia Bernal, unha das directivas máis sobranceiras de España.
Julia, que é directora xeral de Red Hat para España e Portugal, participará no programa Girl STEM este 19 de outubro, na Fundación Barrié, entre as 12:00 e as 13:30 h. Trala presentación a cargo de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Julia Bernal fará un percorrido pola súa traxectoria profesional e mostrará o seu punto de vista sobre a fenda de xénero, ademais de desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas. A continuación, abrirase un espazo para preguntas e o debate con rapazas e rapaces procedentes de diversos centros de ensino da Coruña.
Quen é Julia Bernal
Segundo nos conta AGASOL, é a directora xeral de Red Hat en España e Portugal desde xaneiro de 2017, e foi a primeira muller en ocupar este cargo na compañía en España. Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das Tecnoloxías da Información (TI) e ocupou unha manchea de posicións técnicas e de liderado en referentes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle. A compañía norteamericana Red Hat, representada na Península por Julia Bernal, é a maior empresa provedora de solucións de código aberto (open source) empresarial do mundo, cun valor en Bolsa superior aos 25.000 millóns de dólares e uns ingresos anuais de case 3.000 millóns (a única organización do seu sector que alcanza esa cifra).
Girl STEM, unha iniciativa de AGASOL e AMTEGA
AGASOL e AMTEGA queren reducir a fenda entre mulleres e homes nos estudos nos eidos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Para iso, poñen en marcha o programa Girl STEM: derrubando estereotipos, que se desenvolverá nas sete grandes cidades galegas durante os meses de setembro e outubro.
Trátase dun programa de asesoramento con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo con mocidade de ESO e Bacharelato, achegarán a súa experiencia, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. A primeira cita, o 21 de setembro, contou coa presenza de Edita de Lorenzo. A seguinte será o 19 de outubro, con Julia Bernal.

PUBLICIDADE