Gmail xa pode funcionar sen conexión á Rede

mércores, 28 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Gmail sincronizando mensaxes tras recuperar a conexión á Internet

Os rumores apuntaban a que a adaptación de Gmail para aproveitar o Google Gears para permitir o uso da plataforma web de Google cando se estea fóra de liña estaría dispoñible a primeiros de 2008, pero non é ata 2009 cando finalmente ábrese este produto para o público en fase de probas.
Para activar a funcionalidade de Offline Gmail os usuarios deben configurar o correo de Google para que a súa interface apareza en inglés, o que abre o acceso á pestana dos laboratorios da compañía de Mountain View, e dende alí pódese activar esta nova prestación (que na actualidade aínda non está visible para todos os usuarios, pero o fará en breve) que almacena no disco duro parte dos contidos de Gmail de xeito que cando perdemos a conexión á Rede podemos seguir a traballar co correo electrónico para sincronizar as mensaxes que escribamos e recibamos unha vez que recuperemos a conectividade, o que resulta de especial utilidade para usuarios móbiles.
Os usuarios que queiran gozar desta prestación tamén deberán instalar Google Gears no seu equipo (agás que empreguen o navegador Google Chrome, que xa a integra de serie). Cómpre lembrar que ao tratarse dunha versión de proba pode ter certos problemas de funcionamento, aínda que hai usuarios que levan varios meses empregando versións previas do servizo, polo que estariamos a falar dunha beta bastante madura.


Vídeo oficial de presentación de Offline Gmail