Google, Facebook e Instagram bloquean o acceso a novas aos canadenses por imperativo legal

mércores, 2 de agosto do 2023 Marcus Fernández

En 2014 entrou en vigor en España unha reforma da Lei de Propiedade Intelectual que obrigaba a Google a compensar economicamente aos medios de comunicación por achegar os seus contidos a través de Google Noticias e, en consecuencia, a compañía de Mountain View decidiu directamente pechar o servizo en España até que outra reforma lexislativa permitiu que o ano pasado Google News volvese ao noso territorio.
Quedaba claro que Google non estaba disposta a pagar por dar difusión aos contidos dos medios de comunicación, por considerar que tal práctica carece de sentido, xa que os buscadores son unha das principais fontes de tráfico dos medios que viven da publicidade, pero algúns países fixeron ouvidos xordos á lección que España aprendeu polas malas, e en Canadá veñen de aprobar o Proxecto de Lei C-18, tamén coñecido como Acta das Novas En Liña, e despois de que Google amosase a súa preocupación e iniciase o bloqueo de medios, dende Meta fan o mesmo, ou sexa, que Facebook e Instagram están a iniciar o bloqueo de ligazóns que leven a novas aos usuarios que estean en Canadá.
Dado os cambios de hábitos dos usuarios nos últimos anos, retirar as novas das redes sociais é aínda máis grave que facelo de Google, e agora non só os medios canadenses deixan de poder gozar das plataformas de divulgación de novas de Google e de poder compartir os seus contidos en Facebook, senón que tamén os medios de todo o mundo pasarían a estar bloqueados para os usuarios canadenses.
Estamos ante un dos maiores ataques á liberdade de información coñecidos na historia dun estado democrático, e resulta especialmente lamentable que chegue por parte dos lexisladores, que foron advertidos en numerosas ocasións das consecuencias do texto que querían aprobar.

PUBLICIDADE