Google Fotos incluirá novas funcións de IA en maio

mércores, 10 de abril do 2024 Marcus Fernández

Cada día hai máis ferramentas baseadas en intelixencia artificial para mellorar as nosas fotografías, e aínda que nos últimos tempos estas funcionalidades chegaban en exclusiva a dispositivos como os móbiles Pixel de Google ou os de alta gama de Samsung, a partir do 15 de maio calquera usuario de Google Fotos poderá gozar de varias destas ferramentas.
Entre as ferramentas que se incorporarán a Google Fotos temos o Photo Unblur (que mellora imaxes borrosas engadíndolles nitidez), o borrador máxico (que permite eliminar obxectos que resultan molestos nas nosas instantáneas como un descoñecido que se coa nunha das nosas fotografías familiares) e a luz de retrato (que permite axustar a posición e o brillo da luz nos retratos).
No caso do Editor Máxico, temos que esta función chegará de balde a todos os usuarios de dispositivos Pixel, mentres que o resto de usuarios de Android e iOS poderá gozar dende Google Fotos de 10 usos desta función ao mes (sendo preciso contratar un plan de pagamento de Google One cun mínimo de 2 TB de capacidade na nube para o resto de usuarios).

PUBLICIDADE